A Fundación Universidade de Vigo (FUVI) ten por finalidade primordial cooperar co cumprimento dos fins propios da Universidade de Vigo, ben por propia iniciativa, ben por medio das encomendas que a mesma lle realice. Podes descargar aquí os seus Estatutos (pdf).
En particular a FUVI ten como obxectivos:
- Apoiar e promover a actividade emprendedora da Universidade de Vigo, así como actuacións de fomento do emprego do estudantado universitario.
- Desenvolver aquelas iniciativas que favorezan a actividade de extensión universitaria e a cooperación internacional da Universidade de Vigo.
- Promover e realizar actividades de formación non regrada co fin de lograr as máximas cotas de calidade de docencia e investigación.
- Fomentar e promover a cooperación entre a Universidade de Vigo e o sector empresarial, entidades e institucións da máis variada natureza.
- A promoción e comunicación da formación, investigación e actividades da Universidade de Vigo.
A principais liñas de actuación da Fundación son as seguintes:
- a) Emprego e emprendemento
- Xestión das prácticas académicas extracurriculares do alumnado da Universidade de Vigo en entidades privadas e públicas, apoiando deste xeito a práctica profesional do estudantado e a súa inserción laboral.
- No ámbito do emprendemento préstase apoio e asesoramento na realización de plans de empresa, na posta en marcha dos proxectos e realízanse os informes técnicos para a tramitación do programa da Xunta de Galicia de Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBTs).
- b) Formación complementaria
- Linguas. No Centro de Linguas (CdL) impártense clases de máis de 10 idiomas, prepáranse e realízanse exames de acreditación oficial de linguas, e impártese formación especializada e a medida.
- Emprego e emprendemento. A FUVI realiza seminarios de formación de técnicas de busca de emprego, competencias transversais e de emprendemento, co obxectivo de apoiar a inserción laboral do estudantado e a posta en marcha de iniciativas empresariais.
- c) Difusión e promoción de actividades
- Diario da Universidade de Vigo (DUVI), que ten como obxectivo principal achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral as actuacións e actividades máis relevantes da Universidade de Vigo como administración pública ao servizo da cidadanía.