FAQ sobre prácticas para empresas

Cales son os pasos a seguir?

Para ter alumnos en prácticas é imprescindible asinar o “convenio de cooperación educativa” entre a Uvigo e a súa empresa de acordo coa lexislación vixente.Este convenio asínase unha única vez e a partir de entón formalizaranse as prácticas do alumnado de forma individual.

Cales son as obrigas da empresa?

A empresa debe designar un titor especialista na súa área que supervisará o traballo do/a alumno/a, que en todos os casos realizará tarefas de apoio. Á finalización da práctica deberá cumprimentar un informe da mesma.

Hai que remunerar ao alumno/a en prácticas?

De acordo coa normativa aprobada pola UVigo, só é obrigatorio remunerar no caso de exceder as 240 horas de prácticas.

Hai que dar de alta aos alumnos/as na Seguridade Social?

Todas as prácticas remuneradas obrigan a entidades e empresas a dar de alta ao alumnado na Seguridade Social. As prácticas curriculares dan dereito a unha bonificación nas cotas da S.S. As prácticas extracurriculares, non.

Canto é o custe de dar de alta na Seguridade Social a un alumno/a en prácticas?

O importe da Seguridade Social se a práctica é remunerada é de 34,90 €/mes a cargo da empresa e 6,12 €/mes a cargo do/a alumno/a).

Son iguais as condicións para as entidades públicas e asociacións sen ánimo de lucro?

Teñen as mesmas condicións que as empresas privadas pero poden ter un alumno ata 3 meses sen remuneración a xornada completa.

Quen asina o convenio?

Un representante legal da empresa.

Como podo publicar unha convocatoria de prácticas?

Ten que poñerse en contacto coa FUVI e nós enviarémoslle os requisitos das prácticas e un modelo de bolsa que terá que cubrir co perfil que está a buscar. Esa convocatoria quedará publicada na web da Área de Emprego da Universidade de Vigo.